Ola, son Marcos, de novo.
Onte, día 4 de novembro de 2009, no xornal El País, nas páxinas centrais adicadas a Galicia, saiu publicada unha nova sobre a ampliación do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés e a súa relación coa ampliación dun parque eólico dentro deses terreos. Seguro que lle podedes sacar partido dende varios puntos de vista incluido a relación entre os intereses da poboación local, dos políticos e das empresas cos espazos protexidos.
(Ver a nova aquí)....e lembrade, como dixo un poeta que "Cando morran as touzas negras e todo vire nunha gándara de declinios, cando a alquimia dos agoiros só sexa unha certeza enxoita e apoulada, cando a terra asimile a morte dos fontarigos e as anduriñas e os zarapicos muden nun entusiasmo lendario, en Limaia(no Xurés) inda ficará o recordo exacto desa avoa moza que cunha ledicia templaria apaña as míllaras cara a citania onde a agarda o alarde plural das voces feriadas, o bico da auga no rostro, os axustes do gado, as chegas de bois que turran no Toural dunha traxedia lusitana.
Cando a ermanza teña varados todos os horizontes e a auga só sexa un murmurio dun vento arraiano, cando o meu curso apenas sexa unha cicatriz calcaria na códea da terra, en Limaia(no Xurés) inda ficarán as pegadas milenarias das chancas da avoa, moza que trepa no sábrego, que cicela rodeiras de luz nas vellas couzadas de Antioquia, que vai camiño da feira e leva nos beizos a paixón secreta dun amor inventado nas veceiras da soidade.
Cando a xeografía non sexa máis que un mapa de ausencias e de torres vencidas no misterio das horas, cando as cigoñas aniñen na caveira dos cabalos e os amieiros só sexan un cadro de Van Gogh, en Limaia(no Xurés) inda ficará a historia solitaria desa nosa avoa moza que entra na feira como nun paraíso soñado, ( ..... )"
Adicado ós de 2º de Recursos Naturais de Ponteareas, e en especial ó voso limiao, Roberto.